![]()
POBRA > O executivo pobrés confía en poder inicia-las obras de remodelación e acondicionamento da Praza Victoriano García Martí a finais deste mes de outubro.
Dende hai tempo o goberno pobrés viña plantexando a necesidade de acometer unha importante mellora no entorno da Praza Victoriano García Martí debido fundamentalmente ó mal estado que presenta. Por esta razón e coa finalidade de busca-lo financiamento necesario para acomete-las obras o equipo de goberno presentoulle un proxecto á Consellería de Innovación e Industria que agora vén de ser aprobado, e que posibilitará unha achega de 138 mil euros. A cantidade restante ata completa-los 197 mil euros necesarios para acomete-la obra deberán ser aportados polo propio goberno pobrés.
A actuación consistirá no levantamento do actual firme para instalar novas redes de saneamento e recollida de pluviais, e realizar despois o empedrado da praza. Unha vez rematada a obra a zona será dotada de diverso mobiliario urbano, como bancos, papeleiras, zonas axardinadas e farolas co fin de darlle un aspecto máis coidado e moderno á praza.
A mellora do entorno irá aparellada tamén cunha reordenación integral do tráfico, permitíndose a circulación de vehículos, tanto cara o museo Valle-Inclán como cara a casa consistorial, pero eliminaranse as prazas de estacionamento existentes para incrementar notablemente o tamaño das beirarrúas e das zonas destinadas ós peóns.
Coa remodelación da Praza Victoriano García Martí, o executivo local daralle continuidade ós proxectos realizados con anterioridade para humanizar outros entornos significativos do casco urbano da vila, como foi o caso da Praza do Cantón da Leña, a área das Cinco Calles, a rúa Estremo ou a Praza Valle-Inclán conformando un espazo para o desenvolvemento do pequeno comercio.
Redacción Barbanza









