![]()
BOIRO > Axentes da Garda Civil de Boiro detiveron a dous mozos de 18 e 17 anos veciños da Pobra do Caramiñal e Boiro respectivamente, por un suposto delicto contra a saúde pública. Os detidos cultivaban plantas de marihuana no interior da finca do Pazo de Goiáns.
A situación de case abandono que presenta actualmente o Pazo de Goiáns e o seu entorno supuxo un bo lugar para cultivar e coidar as plantas sen levantar a máis mínima sospeita por ninguén. Sen embargo ese exceso de celo no seu coidado fixo que os detidos visitasen o lugar con asiduidade ata tres ou catro veces por semana, delatando así o seu segredo.
Os dous mozos estudantes nun instituto boirés, manifestáronlle ós axentes no momento da súa detención que as sementes das plantas foran adquiridas nunha herboristería da comarca e despois de aplicarlles os coidados pertinentes conseguiron facelas medrar ata os dous metros e medio de altura. Os axentes da Garda Civil de Boiro coñecedores dende hai varios meses das andanzas dos dous mozos non dubidaron en poñer en marcha un dispositivo de vixilancia que puidera corroborar as primeiras sospeitas.
Esa situación, ademais do perigo a que puideran ser comercializadas ou distribuídas no mesmo entorno escolar, provocou a urxente intervención, culminando coa localización e a imputación dos mozos que despois de prestar declaración no cuartel boirés foron postos en liberdade pasando a disposición da autoridade xudicial e a fiscalía de menores respectivamente. As 13 plantas de marihuana incautadas ós dous mozos permanecen nas dependencias da Garda Civil de Boiro á espera de ser destruídas.
Redacción Salnés








