Prudencia e serenidade: as claves para afrontar o desconfinamento dos nenos

RIBEIRA> O anuncio por parte do goberno de permitir a saída controlada dos nenos a partir do día vinte e sete está a xerar opinións confrontadas. Se ben os expertos en psicoloxía infantil coinciden nas vantaxes de saír, insisten na necesidade de facelo con plenas garantías de seguridade e evitando situacións de estres para os máis pequenos.

Tras seis semanas confinados na casa, os nenos comezarán a saír de xeito controlado a partir do 27 de abril. Aínda están por determinar os detalles sobre como se regulará esta medida que está a xerar opinións confrontadas. Falamos con María Martínez, psicóloga do gabinete Espazo Aberto de Ribeira quen debulla as vantaxes pero tamén os inconvenientes que pode ter a relaxación do confinamento. Ante todo, aconsella prudencia e tranquilidade á hora de afrontar estas primeiras saídas.

O papel das familias é clave. María Martínez insiste na necesidade de proporcionar serenidade e coherencia ós pequenos evitando o estres. Un bo método para xestionalo é a través do xogo e da imaxinación vivindo cada saída como unha aventura.

Precisamente sentirse seguros e poder expresar os seus medos e emocións é fundamental para evitar que todo este proceso se torne nunha situación traumática.

Os máis pequenos teñen demostrado nesta crise a súa capacidade de adaptación dando unha gran lección de responsabilidade. Agora, de nos depende, axudalos neste momento de fonda transformación da nosa sociedade na que posiblemente nada volverá ser como antes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí