Xunta e Mancomunidade apostan pola renovación da Escola de Hostalería

    almorzoescolahostaleriasalnes_100_171006.jpgO GROVE > Xunta e Mancomunidade do Salnés apostan pola renovación da Escola Taller de Hostalería do Salnés …

    … O delegado da Consellería de Traballo en Pontevedra, Pedro Borrajo, e o presidente da Mancomunidade Jorge Domínguez, visitaron as instalacións da Lanzada e degustaron un suculento almorzo preparado polos alumnos.

    A Escola Taller de Hostalería do Salnés remata agora en decembro pero ten bastantes opcións de continuar a súa labor formativa. O centro preparou hoxe un buffet almorzo aproveitando a visita do delegado provincial da Consellería de Traballo en Pontevedra, Pedro Borrajo, e do presidente da Mancomunidade do Salnés, Jorge Domínguez. Ambos responsables políticos amosaron o seu interese na continuidade deste proxecto, pioneiro en Galicia. Arestora só quedan 32 alumnos, xa que algúns renovaron o convenio a tempo parcial que iniciaron en empresas da zona no verán. O delegado de Traballo interesouse polo alto nivel de reinserción destes alumnos. Durante o verán a escola recibiu 90 ofertas de emprego e a maioría renovou contrato. Ademais varios hoteis e restaurantes da comarca xa amosaron o seu interese en aproveitar este alumnado para estabilizar os seus cadros de persoal.

    almorzoescolahostaleriasalnes_200_171006.jpgA directora da escola taller Puri Ferro acompañou ás autoridades nun percorrido polas instalacións que rematou no restaurante onde se serviu un suculento almorzo. Os alumnos de camareiro de pisos encargáronse da mantelería e da decoración, os da especialidade de camareiro de restaurante e bar montaron o buffet e serviron ós comensais, mentres que os de cociña encargáronse de elaborar un menú con 25 variedades de almorzos. As autoridades puideron degustar salgados tipo ovos de pescada sobre salmón, tortas de espinacas, perlas de polbo ou queixos das denominacións de orixe galegas, ademais de doces, tortas e pasteis, zumes, cava, viño e café.

    Redacción Salnés