BOIRO> Á terceira si foi a vencida. O equipo de goberno: PSOE, Boiro Novo e Non Adscritos conseguiu sacar adiante a súa proposta para o Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña.
Non era o que inicialmente tiña previsto. O equipo de goberno pretendía destinar parte dos 666 mil euros do Plan de Obras e Servizos adicional da Deputación da Coruña para este ano 2022 ó proxecto para a ampliación de salas fitness no complexo deportivo da Cachada. O rexeitamento ata en dúas ocasións da proposta por parte da oposición fixo cambiar de criterio ó grupo de goberno que agora propuxo destinar o importe correspondente a gasto corrente.
Dende a oposición criticaron a nefasta xestión do equipo de goberno, que non foi quen de chegar a acordo co resto de grupos para sacar adiante este punto, o que obrigou a ter que convocar ata tres plenos seguidos, para evitar que se perdera a achega da Deputación.
O punto saíu finalmente adiante cos votos a favor de PSOE, Boiro Novo, non adscritos e BNG, e as abstencións PP e IC Boiro.