O colexio de Artes volve ser escenario de actos vandálicos

    destrozosartes_100_171006.jpgRIBEIRA > O colexio da parroquia ribeiresa de Artes foi escenario dun novo acto vandálico.

    Un grupo de descoñecidos entraron nas dependencias escolares a noite do pasado xoves destrozando todo o que atoparon ó seu paso e levando consigo varias pezas dos equipos informáticos. A Policía Nacional traballa actualmente na investigación dos feitos para dar cos autores deste absurdo suceso.

    A madrugada do pasado día cinco de outubro, os vándalos tamén entraron no colexio causando algúns desperfectos aínda que os danos máis graves rexistráronse nesta ocasión. Os ladróns levaron consigo varias pezas dos equipos informáticos, teclados e discos duros.

    Non satisfeitos coa sustración destes obxectos de gran valor, rociaron o resto dos equipos con sprays e destrozaron outros aparellos electrónicos como o fax, o escáner, a impresora e o video dvd.

    Máis grave aínda é que procederon a corta-las liñas telefónicas deixando ó centro practicamente incomunicado. Esta a situación está a afectar notablemente ó funcionamento normal do colexio que carece dos equipos necesarios para o desenvolvemento da actividade docente.destrozosartes_200_171006.jpg

    Polo momento, os responsables do centro non coñecen o alcance dos danos provocados posto que aínda é preciso avaliar o estado en que se atopan os equipos afectados. Sen embargo, o director do colexio considera que se trata de desperfectos bastante cuantiosos.

    Para evitar novos sucesos deste tipo, a dirección do centro ten previsto adoptar varias medidas de prevención. Entre elas, o reforzo da seguridade nas fiestras, o cambio das fechaduras ou a colocación dunha alarma.

    Redacción Barbanza