O goberno da Pobra nega un mal funcionamento no Centro de Atención ó Discapacitado

    POBRA> Saen así ó paso das denuncias realizadas por varios pais de usuarios que tiveron que deixar de acudir ó centro ó comunicárselle que tiñan preferencia os nenos menores de seis anos. O edil de servizos Sociais. Miguel Alamancos, e a directora do CAD, Julia Rey, compareceron en rolda de prensa para aclarar a polémica suscitada a raíz das queixas dun grupo de pais de nenos usuarios do centro, ós que se lles comunicou que os seus fillos tiñan que deixar de asistir ó servizo de atención temperá que se presta nas instalacións, ó ter prioridade os menores de seis anos. Dende o Concello sinalan que os nenos son dados de alta do servizo cando cumpren os seis anos porque así o esixe o propio decreto da Xunta polo que se rexe, aínda que poden seguir participando nas outras actividades que se desenvolven no centro. Dende Servizos Sociais apúntase a que en ningún momento se deixou a ningunha familia desatendida. É máis decidiu facerse unha aposta firme por este servizo que mesmo no último ano permitiu a contratación dunha logopeda.