A Deputación da Coruña financiará a cuberta do parque da Praza de Galicia

BOIRO> A actuación, que irá con cargo ó Plan Único, conta cun investimento de máis de 247 mil euros.

Foi unha das propostas que os socialistas levaban no seu programa de goberno, a instalación dunha cuberta para o parque infantil existente na Praza de Galicia. E a actuación será en breve unha realidade, ó ser incluída na relación de obras que o Concello realizará con cargo ós fondos do Plan Único da Deputación da Coruña. En total o orzamento desta obra ascende a máis de 247 mil euros.

Dende o Concello destacaron a importancia desta actuación, xa que este espazo de xogos infantís é un dos que rexistra maior afluencia de nenos, ó situarse en pleno centro da vila.

Con esta obra o Concello dá resposta tamén a unha vella demanda dos pais, que en breve poderán dispor dun lugar cuberto a onde poder levar ós seus fillos os días de chuvia e mal tempo.

Nun futuro non descartan estendelo tamén a algún parque máis do municipio.

O Concello xa abriu o proceso de licitación desta obra, polo que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas. O prazo remata o vindeiro 27 deste mes de outubro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí