MUROS> O BNG de Muros-Noia demanda a convocatoria da xunta reitora da Mancomunidade Serra do Barbanza para abordar a prórroga do contrato da recollida de lixo. Este mes de setembro expira o prazo da concesión deixando no aire un servizo esencial para a cidadanía de 9 municipios.
O próximo 20 de setembro caduca a concesión do servizo da recollida do lixo da Mancomunidade Serra do Barbanza na que se integran 9 concellos. A menos de dúas semanas da data de vencemento do contrato, non se ten convocado a xunta reitora da entidade polo que a situación da empresa e dos seus 160 traballadores continúa no aire.
Malia que si houbo reunións con carácter informal, hai máis de 4 anos que non se convocan os órganos colexiados da entidade, algo imprescindible para a toma de decisións que permitan adaptar o sistema de xestión de residuos urbanos á normativa europea.
Segundo os nacionalistas, a situación é aínda máis preocupante despois de que o Ministerio de Transición Ecolóxica amosara a súa aposta polo modelo de xestión de 5 fraccións en detrimento do modelo húmedo-seco que aplica a planta de Servia, polo que urxen a convocar a xunta de goberno da Mancomunidade de xeito inmediato.