Un vertido procedente dunha obra pon en perigo o banco marisqueiro do Touro

    obratouro_100_181006.jpgRIBEIRA > Ó mal inicio da campaña marisqueira hai que sumar a frecuente aparición de vertidos…

    … que danan os bancos naturais. Nesta ocasión, trátase da construción dun edificio na zona do Touro, en Ribeira, que provocou o arrastre de barro ata o banco marisqueiro da zona. Os mariscadores ribeireses xa se puxeron en contacto cos promotores da obra para advertir das posibles consecuencias negativas deste vertido.

    obratouro_200_181006.jpgOs mariscadores decatáronse xa hai tempo da presenza dunha capa de lodo no banco natural do Touro procedente das obras dun edificio no paseo marítimo. As fortes chuvias provocan que o barro procedente do movemento de terras sexa arrastrado ata o mar prexudicando a actividade extractiva. A pesar dos reiterados avisos da agrupación de mariscadores e as denuncias por parte de Portos e o Seprona, a empresa constructora non foi quen de solventar o problema ata que esta semana os mariñeiros se presentaron na obra para esixir o cese inmediato dos vertidos. A medida de presión tivo efecto e, segundo explicou o presidente dos mariscadores ribeireses, José Antonio Pérez, xa non se rexistra ningún vertido na zona. O colectivo agarda que a solución adoptada polos promotores da obra sexa definitiva. De non ser así, os mariscadores non dubidarán en paraliza-la construción se aparecen de novo os vertidos.

    Ata o momento, non se coñecen os danos provocados no banco do Touro aínda que este tipo de vertidos soe ser bastante perigoso posto que o fango se pousa no fondo mariño matando o sustrato e o marisco. Para avaliar as perdas, a Confraría vai examinar o estado do fondo posto que ata o momento xa se constatou a presenza dalgún bivalvo morto na zona.

    Redacción Barbanza