Vicepresidencia cuestiona a legalidade doutro módulo máis

    antonlosada_100_041006.jpgCAMBADOS > Hoxe soubemos ademais que Vicepresidencia tamén pon en cuestión a legalidade do cuarto

    módulo da gardería de Cambados. Ó igual que pasa co quinto, a Xunta reclama ó Concello a titulación acreditada do educador adscrito a esta aula. O goberno galego deu a coñecer tamén a súa resposta ás alegacións presentadas polo Concello contra a suspensión temporal da actividade no quinto módulo. No informe reitérase que no ano 2003 solicitou que se lle autorizara o funcionamento dos cinco módulos que figuraban no proxecto, pero que só se autorizaron catro ó acreditar só persoal suficiente para catro.

    En concreto, di o informe, que se acreditou ter contratados un director e catro educadores, cando a lei esixe para cinco aulas, un director e cinco educadores. Vicepresidencia indica logo que non hai erro ningún, senón que o Concello de Cambados foi autorizado para abrir os módulos que legalmente podía atender. O secretario xeral e de Relacións Institucionais, Antón Losada, lembra que para conseguir a regularización do quinto módulo o Concello só ten que solicitala e acreditar que dispón de persoal suficiente e legalmente autorizado para cinco aulas. E engade que se o fai, Vicepresidencia aceleraría os trámites para resolvelo nun máximo de 24 horas.

    Máis problemas

    Pero os problemas da gardería de Cambados non acaban aquí. Este departamento da Xunta asegura que o Concello segue sen acreditar a titulación do educador responsable do cuarto módulo, autorizado de maneira irregular polo anterior goberno autonómico, cando aínda lle faltaban 4 créditos para ter o pertinente título. Polo tanto advirte que se non se soluciona este erro tería que abrir un novo expediente e suspender temporalmente esta cuarta aula.

    Redacción Salnés