Fole e Gago enfrontados polas análises da auga de Vilagarcía

    VILAGARCÍA > O PP de Vilagarcía, tras recibir os estudos analíticos feitos por Espina y Delfín a mediados de setembro alerta de que faltan datos importantes.

    informesfoleauga_300_181006.jpgE algúns desaparecen dos informes tras dar niveis máis altos do permitido o día anterior. Unha cuestión pola que pediron explicacións. E tan só unhas horas despois o propio alcalde deu esas explicacións e acusou ó voceiro popular de sacar material do Concello sen permiso. 

    O PP baseouse para valorar a potabilidade da auga no Real Decreto 140/ 2.003 que establece os criterios sanitarios da calidade da auga de consumo humano. O goberno local tamén se baseou nun documento feito por algunhas comunidades autónomas e que é máis permisivo, pero segundo o PP, Galicia non entraba nese documento e, ademais, en caso de crise, como ocorreu en setembro, deberían rexer os criterios máis restrictivos para asegurar a sanidade. 

    Un exemplo do dubidoso uso que se fixo dese documento é o que demostran as análises de aluminio, que non aparecen nos informes ata o día 17, e ese día superan, e moito, o indicado no Real Decreto. Como se ve no informe, o permitido está en 200 e a análise revela que a auga de Vilagarcía contén 800. Sen embargo sí entra no parámetro dese outro documento do que bota man o goberno local e que marca 1.000. A pregunta do PP é ‘se o día en que aparece a análise, ésta supera os límites permitidos, ¿cal sería o nivel de amonio na auga os días anteriores, cando non hai datos?’.

    Pero hai máis exemplos das estranas desaparicións de datos. Entre o 8 e o 13 de setembro non se analiza o olor, sabor e color da auga, mentres que os datos sobre a turbidez ou o amonio desaparecen do informe xusto o día despois de sobrepasa-lo indicado no Real Decreto.

    Ante estes datos os populares proporán crear un Comité Cidadán para situacións de Crise que poida intervir nestas situacións e garanti-los datos institucionais. Aínda así o PP vilagarcián anunciou que xa pediu as pertinentes explicacións por escrito ó goberno local sobre a desaparición destes datos fundamentais sobre a potabilidade da auga de Vilagarcía.

    Contesta Gago

    A resposta do goberno local foi inmediata. Esta mesma tarde o alcalde de Vilagarcía desmontaba toda a historia e denunciaba a Fole por sacar irregularmente os documentos do concello. Segundo o rexedor, as análises que amosou o voceiro popular pola mañá non lle foron facilitadas polo concello, senón que as copiou a escondidas e sen permiso, incumprindo as normas. ‘Quizais coas presas por fotocopiar a escondidas os expedientes, o voceiro do PP esqueceu parte da documentación’, asegurou o alcalde. 

    Por exemplo a relativa a unha análise completa que Fole dixo que non se fixera e que Gago asegura que non só existe senón que el mesmo lla ensinou a tódolos voceiros municipais. A análise completa foi feita pola Universidade de Santiago que, por certo, dixo o alcalde, está a facer outra nestes días. Tendo en conta que habitualmente só se fan dúas análises completas ó ano, que se fagan dúas nun mes da boa conta da preocupación das institucións por garanti-la calidade da auga.

    Sobre a falta de datos da cor, olor, sabor, turbidez e amonio, o alcalde aclarou que son parámetros que non afectan á potabilidade. Á hora de analiza-la auga hai uns elementos que sí afectan ó consumo, como poden se-los hidrocarburos, o plomo, ou arsénico e outros que só influen nas condicións da auga pero non no feito de que se poida ou non consumir. Por tanto, deran o resultado que deran, non afectaría á potabilidade da auga vilagarciá.

    Semellante é a situación do aluminio, o que leva ó alcalde a preguntarse polos límites do PP vilagarcián e a compara-la actitude irresponsable de Fole coa dos seus compañeiros da comarca, sobre todo os de Caldas, que nunca puxeron en dúbida as análises e os informes de Sanidade. E reitera unha vez máis que a auga de Vilagarcía se pode consumir sen problemas.

    Redacción Salnés