A Mancomunidade do Salnés recoñece o apoio de 40 empresas da zona para o fomento do emprego

SANXENXO> A Mancomunidade do Salnés reúne 40 empresas para poñer o punto e final á décimo cuarta edición do seu Programa Integrado de Emprego. Este encontro empresarial busca recoñecer a colaboración entre o tecido empresarial da zona e as iniciativas a prol da formación e inserción laboral que se impulsan dende o organismo comarcal. Nos últimos 12 meses, estas empresas participaron activamente neste obxectivo, acollendo a persoas en prácticas, incorporando novos traballadores ao seu cadro de persoal ou organizando visitas formativas ás súas instalacións.

O cuarto Encontro Empresarial organizado este venres pola Mancomunidade do Salnés pecha a décimo cuarta edición do Programa Integrado de Emprego do organismo comarcal. Nel participaron representantes de 40 empresas da comarca, que colaboran en materia de formación e inserción laboral.

Ao longo do último ano, estas empresas participaron activamente nas diferentes iniciativas destinadas a achegar a formación e o emprego ao tecido produtivo do Salnés. Entre as actuacións, salienta a acollida de persoas en prácticas, a incorporación de novos traballadores ao seu cadro de persoal, visitas formativas e a sinatura de convenios de colaboración en diferentes sectores empresariais.

O encontro deste venres, ademais de servir de recoñecemento, permite fortalecer as relacións entre empresas, entidades e persoas en formación. Favorécese así o intercambio de experiencias e a creación de novas oportunidades de colaboración.

No acto, ademais, presentouse o aspecto máis innovador da seguinte edición do Programa Integrado de Emprego: un dron que se vai empregar na formación de Agricultura de Precisión e Ortofotografía.