POBRA > O executivo pobrés vai iniciar en breve a pavimentación dun total de 13 pistas rurais.
As obras darán comezo en breves datas, unha vez que xa foron adxudicadas á empresa pontevedresa Cadevergazo S.L.
A totalidade dos camiños que serán mellorados atópanse nas parroquias do Xobre, Santa Cruz e San Isidro. Así as pistas que serán acondicionadas son entre outras o camiño do Outeiro, o camiño de Cabío a Areos, o camiño a río Morto, o acceso ás pistas polideportivas de Pontebarbanza, o camiño de Ouxo a Vilariño, o camiño da Figueira pasando polo Camiño Ancho e Pontenaveira ou o acceso a Quintáns.
Estas obras cun orzamento duns 154 mil euros serán financiadas por Medio Rural. Por esta razón este luns desprazaronse á Pobra varios técnicos desta Consellería, así como da empresa adxudicataria das obras, co fin de revisar in situ os camiños nos que se levarán a cabo as melloras.
O executivo pobrés informou tamén de que existe un segundo proxecto aínda sen rematar por un importe moi semellante a este para atender máis demandas na zona rural, así como tamén o proxecto do Plan de Obras e Servizos 2007 da Deputación da Coruña cun presuposto superior ós 200 mil euros e que incluirá tamén obras na zona rural do municipio en materia de saneamento e arranxo de pistas.
Dende o goberno local sinálase que con estas actuacións estanse a atende-las demandas dos veciños das zonas rurais, mellorando os accesos e vertebrando unha rede de infraestruturas viarias que virá a cubri-las necesidades da maioiría dos residentes no municipio.
Redacción Barbanza