Mar activa axudas por valor de 77 millóns para paliar as perdas do sector pesqueiro

RIBEIRA> A Consellería do Mar destinará setenta e sete millóns de euros a un plan de reactivación do sector marítimo-pesqueiro para paliar as perdas xeradas pola crise sanitaria. Inclúe unha liña específica de sete millóns de euros para os profesionais que, a pesar da nula rendibilidade, seguiron en activo durante o estado de alarma.

A Conselleira do Mar mantivo un encontro con representantes do sector pesqueiro en Ribeira para debullar os contidos do plan de reactivación impulsado pola Xunta para facer fronte á crise do coronavirus. Mobilizaranse setenta e sete millóns de euros para dinamizar o complexo mar-industria a través de cinco liñas de axuda coas que facer fronte ás perdas derivadas da grave crise sanitaria. O plan denominado Avantemar incide especialmente sobre aqueles subsectores que quedaron fóra do Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro, a pesar do esforzo realizado manténdose en activo durante o estado de alarma con nula rendibilidade para garantir o subministro de alimentos.

Esta liña de axudas para a flota que permaneceu en activo está dotada con máis de sete millóns de euros de fondos propios da Xunta. O plan inclúe tamén axudas directas para confrarías e outras entidades que rexistraron perdas entre o catorce de marzo e o catorce de maio en relación co mesmo período do ano anterior. Consignaranse seiscentos mil euros para facer fronte a estas subvencións que se publicarán no DOG nas próximas semanas.

O plan autonómico inclúe tamén axudas ós mariscadores que se viron obrigados a paralizar a súa actividade ó non dispor de canles de venda por valor de máis de cinco millóns e unha liña específica para redeiras de catrocentos mil euros. Ademais das axudas directas, Mar plantexa outras liñas de apoio como a flexibilización administrativa e de taxas, a reorientación do sistema comercial pesqueiro para adaptarse á nova realidade social.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí