O comercio boirés ponse de moda

    desfileabe_100_231006.jpgBOIRO > Éxito total de participación no primeiro desfile de moda organizado pola ABE.

    Máis de catrocentas persoas déronse cita na discoteca Tonos de Boiro para coñecer o que se vai levar durante esta tempada outono-inverno. Os asistentes puideron desfrutar das coleccións dos establecementos Enredos, Begoña Díaz, Índice, Pekes, Tic-Tac, Lolita Moda, Novidades Matucha e Ana’s, durante case dúas horas de desfile.

    Aínda que ningún dos modelos era profesional, posto que se trataba de clientes ou amigos dos comerciantes, fixeron gala dunha enorme profesionalidade sobre a pasarela, ben correspondida polo público que non se cansou de aplaudir. A presentación do evento correu a cargo da xornalista desta casa, Pastora Charlín González, quen foi a encargada de comenta-los detalles das distintas prendas que locían os modelos.

    Unha vez rematado o desfile, os membros da Asociación Boirense de Empresarios amosaron a súa enorme satisfacción polo éxito desta iniciativa, que permitirá darlle continuidade nun futuro.

    O presidente da entidade, Luis Ángel González Maceiras, clausurou o acto agradecendo ás diversas entidades a súa colaboración para que todo saíse como estaba previsto. Sen embargo, o presidente da patronal lembrou que soamente oito comercios ofreceron as súas prendas , polo que pediu unha maior implicación de todo o sector para futuros desfiles.

    Redacción Barbanza