Os restos do monte queimado tinxen de negro os areais do Barbanza

    limpezapraias_100_231006.jpgPOBRA > Dende hai días é frecuente atopar as praias do Barbanza cubertas dun negro manto de cinza.

    As intensas chuvias levaron ata as praias todos aqueles restos que atopaban ó seu paso nos montes queimados, deixando unha espesa capa de cinza e maleza sobre a area. Para evitar que estes residuos sigan afectando ós bancos naturais, os mariscadores da confraría pobresa puxéronse mans á obra e, dende hai días, traballan sen descanso na retirada da cinza.

    O sector marisqueiro conta ademais coa axuda da Xunta de Galicia e o goberno de Madrid que destinan persoal e maquinaria para facilitar as tarefas de limpeza. Entre os seus labores, está ademais a colocación de barreiras de contención nos montes que impidan a baixada de novos restos arrastrados polas chuvias. limpezapraias_200_231006.jpg

    A pesar do esforzo e a dedicación dos traballadores, os danos nos bancos da zona son inevitables. Os mariscadores da confraría pobresa xa constataron a morte do berberecho e a ameixa fina e temen agora, polas variedades da japónica e a babosa, da que vive a maior parte do sector.

    Polo momento, aínda non se cuantificaron as perdas pero as previsións dos productores son máis que desalentadoras e dubidan de que se produza a rexeneración dos bancos a curto prazo.

    A pesar das escasas expectativas, pensan seguir limpando a praia a diario ata retirar tódolos restos co obxectivo de salvar o seu único medio de vida.

    Redacción Barbanza