Os veciños de Caldas poderán visita-la depuradora e ver como funciona

    juanmanuelrey_100_231006.jpgCALDAS > Os veciños de Caldas xa poden consumir a auga da traída. Tras varios días dando negativo á contaminación,…

    … o goberno local publicou os bandos onde anuncia que xa se pode consumi-la auga. Ademais tamén lle van explicar ós veciños por carta todo o que se fixo en relación con esta crise.

    O goberno local de Caldas de Reis explicaralle ós veciños por carta todo o que se fixo en relación coa crise da auga e as medidas que se foron tomando, tanto dende o punto de vista medio ambiental como dende o sanitario. O Concello prevé que as misivas cheguen en dez ou quince días.

    Pero ademais faranse visitas guiadas á depuradora de auga potable para coñecer o seu funcionamento e ve-las medidas que se tomaron para mellora-lo sistema. Un técnico guiará ós interesados polas instalacións e contaralles como funciona. Deste xeito o Concello quere recupera-la confianza dos veciños no servizo perdida en gran medida, segundo denuncia o PSOE, polas denuncias partidistas e infundadas do PP, que a semana cuestionara o proceder da Xunta e do Concello con respecto á contaminación da auga e criticara a ineficacia do goberno local para soluciona-los problemas da auga en Caldas.

     O tenente de alcalde, Juan Manuel Rey recordou que foi o PP quen ‘fixo o encoro e quen deixou morrer ó Umia polo que se hai un responsable está moi claro quen é’. Tamén criticou ó BNG por saca-lo tema do desmantelamento do encoro antes incluso de preocuparse por soluciona-lo problema da potabilidade. O PSOE asegura que os nacionalistas volven saca-lo tema con fins puramente electorais e para tratar de ‘sacar tallada’ dunha cuestión que aínda mantén moitas feridas abertas na sociedade de Caldas.

     Redacción Salnés