O BNG leva ó Parlamento os vertidos e malos olores en Couso

RIBEIRA> Os nacionalistas piden que se investiguen estes episodios e se busque unha solución para que non volvan a producirse.

A deputada do BNG no Parlamento, Rosana Pérez, rexistrou varias iniciativas relativas ós problemas de malos olores e vertidos nas inmediacións de Couso, na parroquia de Aguiño. A nacionalista di recoller as queixas da veciñanza desta parroquia así como tamén da propia confraría de pescadores, ó tratarse dunha zona medioambientalmente moi sensible e cunha importante producción pesqueira e marisqueira.

Dende o BNG solicítase que se abra unha investigación ó respecto de todos estes episodios de contaminación para averiguar cal é a súa procedencia e actuar en consecuencia.

Para a deputada nacionalista resulta sorprendente que ningunha Administración, teña tomado ata o de agora cartas no asunto e decidido investigar a procedencia tanto dos cheiros como das verteduras ó mar a pesar das queixas recibidas.