Angueira invita a Sabariz a levar as facturas de combustible ó xulgado

    PONTECESURES > O alcalde empraza ó edil de ACP a acudir ós xulgados se realmente aprecia irregularidades nas facturas de combustible nun vehículo do concello. Angueira respondeu no pleno a unha trintena de preguntas formuladas por Sabariz.

    sabariznopleno_200_261006.jpgVolve a manifestarse no pleno de Pontecesures a mala relación existente entre o alcalde e o edil de ACP. Luís Álvarez Angueira accedeu nesta ocasión a responder a tódalas preguntas formuladas por Luís Ángel Sabariz, tanto as orais do pleno anterior como as que presentou por escrito na sesión celebrada onte. Sobre as referidas a diversas comidas realizadas polo alcalde en diversas ocasións e con distintos acompañantes, Angueira respondeu que as xestións do alcalde implican gastos de desprazamento e manutención que ten que xustificar presentando factura, cousa que fixo, pero que non tiña por que entrar en máis detalles.

    Tamén respondeu a unha ampla batería de preguntas sobre o consumo excesivo de gasoil por parte dun vehículo municipal e sobre algunhas irregularidades nas facturas de combustible emitidas con cargo a este vehículo. Neste punto o alcalde lembrou a Sabariz que moitas destas cuestións xa llas respondera no pleno do pasado mes de xuño. E sobre as facturas das que fala a partir desa data, emprazou ó edil de ACP a por denuncia no xulgado se realmente apreciaba irregularidades nelas.

    Moitas destas respostas non convenceron a Luís Ángel Sabariz, que en máis dunha ocasión reclamou intervir na sesión, sen que o alcalde llo permitira, provocando altercados verbais entre ambos. Nada máis rematar de responder a lista de preguntas de ACP o rexedor levantou a sesión, facendo oídos xordos ás reclamacións de Sabariz.

    Redacción Salnés