O 061 non desbota que a ambulancia medicalizada do Salnés volva operar dende Sanxenxo no verán de 2025

VILAGARCÍA> Xa está operativa a nova base da ambulancia medicalizada do 061 no Hospital do Salnés. As instalacións, renovadas e máis amplas, recibiron hoxe a visita do conselleiro de Sanidade. Un acto que se fixo coincidir co retorno da ambulancia medicalizada a este centro hospitalario despois de operar durante todo o verán dende Sanxenxo. A pesares da polémica, dende o 061 non aclaran se esta medida se volverá repetir o vindeiro ano.

Catro habitacións, sala de reunións, vestiarios diferenciados por sexo e un almacén. Son as dependencias coas que conta a renovada base da ambulancia medicalizada do 061 no Hospital do Salnés.

A visita fíxose coincidir co retorno a esta base da ambulancia medicalizada despois de pasar todo o verán operando dende Sanxenxo para atender o seu incremento de poboación.

A pesares da polémica levantada por esta medida, dende o 061 non aclararon hoxe se se repetirá o ano que vén.

Dende o concello de Vilagarcía xa reaccionaron a esta visita. Para o goberno vilagarcián, as declaracións dos responsables de Sanidade e do Sergas son indignantes. Recordan que a poboación incrementa notablemente en toda a comarca do Salnés, así como o número de incidencias sanitarias. E insisten en que a decisión de trasladar a ambulancia medicalizada a Sanxenxo durante o verán deixa o norte da comarca desatendido e sen medios para cubrir urxencias con risco vital.