Traballadores de ENCE en folga convocados por CC.OO.

    PONTEVEDRA > Continúan os paros parciais nos servizos centrais de Ence e no Centro de Investigación de Campañó. Unhas xornadas de folga convocadas por CC.OO. en protesta pola intención de Ence de pecha-lo Centro de Investigación Tecnolóxica de Campañó e de reducir postos de traballo no grupo.

    Só no CIT o peche, segundo algunhas fontes, afectaría a 60 persoas. Non é tan pesimista UXT, quen asegura que a información que teñen a través do director forestal de Ence e da directiva das empresas, Eucalipto de Pontevedra e Norfor Maderas, no Plan Estratéxico non se contemplan medidas traumáticas para os traballadores, polo que non entenden a convocatoria de folga por parte de Comisións.

    Unha folga que foi rexeitada polos propios traballadores de Eucalipto de Pontevedra en asemblea, o que demostra, segundo UGT que CC.OO. non está a defende-los intereses destes traballadores.

    Inversións

    Pola súa banda o grupo ENCE anunciou que investirá 1.200 millóns de euros en cinco anos para consolidarse como un dos fabricantes de celulosa líderes. E entre eses investimentos están os das plantas de Huelva e Pontevedra, a onde se destinarán 40 millóns de euros para fabricar 50.000 toneladas máis de celulosa e lograr un aumento do 50% na producción de enerxía con biomasa.

    Os investimentos en España van acompañados doutras medidas para simplifica-la estructura de producción e corporativa do grupo, integrando ésta última na planta de Pontevedra e racionalizando o uso de oficinas. Segundo ENCE, o plan permitiralle acadar en 2.011 uns niveis de EBITDA e beneficio neto en torno ós 330 millóns de euros e 150 millóns de euros respectivamente, e unha facturación superior ós mil millóns de euros.

    Redacción Salnés