O argazo e a cinza ameazan os bancos marisqueiros de Cabo de Cruz

    algas_100_261006.jpgBARBANZA > A cinza arrastrada polas riadas está afectar tamén ós bancos marisqueiros de Boiro do mesmo xeito que acontece cos da Pobra e Rianxo.

    A situación máis grave neste concello estase a dar na desembocadura do río Coroño en Praia Xardín. Neste municipio ó problema da cinza hai que engadirlle tamén a gran cantidade de argazo que está a entrar nas praias a consecuencia do temporal.

    O patrón maior de Cabo de Cruz, Carmelo Vidal, estivo percorrendo as concesións do pósito, analizando a situación dos bancos marisqueiros e comprobando o seu estado antes do inicio da campaña extractiva da agrupación de mariscadores a pé, prevista para a vindeira semana.

    Nun primeiro exame a situación non pode ser máis dramática. Ós problemas do descenso da salinidade das augas nas zonas de cría do marisco, algo agardado debido ás intensas chuvias caídas estes días, estáselle a sumar tamén a presenza de cinza nalgunha das súas concesións como é o caso de Barraña, repetíndose o caso que se está a dar noutras praias do Barbanza como son a da Torre en Rianxo ou a dos Raposiños na Pobra.algas_200_261006.jpg

    Esta situación sen dúbida vai traer graves consecuencias para os mariscadores e vén a poñer en perigo a campaña de Nadal, sen dúbida a máis importante do ano.

    O problema da cinza vén a sumarse nas praias boiresas ó argazo que tamén está afectar en maior medida ós areais deste concello. Por esta razón e co fin de evitar unha mortandade maior de marisco, o pósito de Cabode Cruz ten previsto poñerse mans á obra na limpeza das súas concesións. Para Carmelo Vidal polo de agora aínda é cedo para facer un balance das posibles perdas por esta situación, aínda que considera que serán importantes.

    Redacción Barbanza