Medio Ambiente financiará a canceira mancomunada

    SALNÉS > A mediados do vindeiro ano podería entrar en funcionamento a canceira mancomunada do Salnés. A Xunta informou que financiará a totalidade da obra, cun orzamento de 169.000 euros.

    canceira_300_261006.jpgMedio Ambiente investirá máis de 169 mil euros na creación dunha canceira na comarca do Salnés. A nova foi moi ben recibida pola entidade comarcal xa que se trata dunha vella demanda. No Salnés só existen arestora dous centros de acollida, en Cambados e en Vilagarcía, que están saturadas e que cobren con dificultade as necesidades dos concellos nos que se atopan. Situación que se agrava no verán, coa problemática do abandono de animais.

    O proxecto que financiará Medio Ambiente é para un centro con 40 gaiolas e dotado con tódolos servizos necesarios. Pero a mancomunidade xa está pensando en amplialo, por iso incluirá unha partida nos orzamentos do vindeiro ano e reclamará máis investimento por parte da Xunta.

    A Dirección Xeral de Conservación da Natureza financiará a totalidade da obra, mentres que a Mancomunidade ha de achegar os terreos e ocuparse da súa xestión e mantemento. Trámite, o do emprazamento, que xa estaba recollido no proxecto remitido á Xunta. A nova canceira dará servizo ós nove concellos do Salnés e instalarase no lugar do Busto, na parroquia de Armenteira, en Meis.

    Redacción Salnés