Pesca garantirá os niveis salariais habituais das mariscadoras

    PONTEVEDRA > Xunta de Galicia ampliou o decreto de axudas que se establecerán para os afectados polas riadas desta semana. O goberno autonómico centrarase principalmente nos traballos de rexeneración das rías e en garantir os niveis salariais habituais desta época do ano das mariscadoras. Así llelo trasladou a conselleira de Pesca, Carmen Gallego, ás mariscadoras da Ría de Pontevedra na visita feita ás praias da Seca e Padrón afectadas polas riadas.

    carmengallego_300_261006.jpgA conselleira de Pesca, Carmen Gallego, continuou o seu periplo polas praias afectadas polas riadas esta mañá na Ría de Pontevedra. Acompañada polo alcalde de Poio e mailos patróns maiores das tres confrarías da zona comprobou como van os traballos de limpeza dos lodos que as riadas arrastraron cara o mar sepultando o marisco ó seu paso. Alí tivo tempo para escoitar as queixas das mariscadoras que aseguraban sentirse desesperadas pola situación.

    O que máis urxe para Pesca é a limpeza dos lodos nos fondos das praias, cuestión para a que traballan sen descanso maquinarias da Xunta. Pero a conselleira asegurou que o goberno non pensa descoidar as axudas a estas mariscadoras e que virán froito dunha ampliación do decreto das axudas que se estableceran para a Costa da Morte.

    O problema máis grande co que se están a atopar agora é co das mareas mortas que impiden a análise exhaustiva para a avaliación dos danos reais necesarios para establecer as axudas.

    Durante a visita Carmen Gallego non agochou a súa preocupación pola situación, achacada a choivas torrenciais de carácter excepcional e contra as que, como medida preventiva, asegurou pouco se pode facer excepto actuar con rapidez.

    Redacción Salnés