Presentan en Vilagarcía a nova Lei de Comercio Interior de Galicia

    VILAGARCÍA > Consensua-la nova Lei de Comercio Interior de Galicia. Ése é o obxectivo da Consellería de Innovación antes de sacar adiante o anteproxecto. E para iso están reuníndose con diversos colectivos afectados.

    A última presentación da lei foi en Vilagarcía, onde se reuniron representantes dos comerciantes, autónomos, cámara de comercio e varios edís da comarca.

    sofiabeirascarlosoubia_200_261006.jpgA delegada provincial de Innovación, Monserrat Prado, e a directora xeral de Comercio, Ana Rúa, presentaron en Vilagarcía o anteproxecto da nova Lei de Comercio Interior de Galiza. Con estas xuntanzas a Consellería quere abri-lo diálogo co sector agora que o documento está en proceso de elaboración e que aínda se poden introducir alegacións.

    Compromiso

    A delegada provincial, a cambadesa Montserrat Prado, destacou o compromiso do seu goberno co comercio galego, para o que xa presentaron a Lei de Horarios Comerciais e agora a Lei de Comercio Interior. Dous importantes documentos que rematan, segundo a delegada, con ’18 anos de inhibición lexislativa’ por parte do anterior goberno do PP, que a pesares de ter tódalas competencias na materia grazas ó Estatuto de Galicia, sempre rexeitou exercelas.

    Nova lei

    Pola súa banda a directora xeral de Comercio, Ana Rúa, asegurou que o borrador da lei aborda cuestións tan importantes para o sector coma a regulación das grandes superficies, un dos principais cabalos de batalla do pequeno comercio. Pero o documento tamén pretende aborda-lo factor social, a importancia dos pequenos establecementos na configuración das nosas vilas e da sociedade galega.

    A creación dun servizo de inspección, dun Consello Galego do Comercio, dun censo de establecementos ou a delimitación das ventas en promoción e rebaixas son outras cuestión que tamén recolle este borrador.

    Redacción Salnés