Medio Ambiente dotará da rede de abastecemento ó Campo de Pazos

    RIANXO > Medio Ambiente mellorará a rede de abastecemento de auga no municipio de Rianxo grazas ó convenio asinado entre a administración autonómica e o executivo local.

    A Consellería de Medio Ambiente que dirixe Manuel Vázquez asumirá o compromiso de aboarlle ó concello rianxeiro o custe total da actuación sempre e cando este non supere os máis de 72 mil euros.

    Pola súa banda o goberno local terá a obriga de levar a cabo tódalas actuacións necesarias para a realización das obras, así como obter tódolos permisos e autorizacións necesarias para materializa-la ampliación da rede de abastecemento de auga.

    O convenio asinado enmárcase dentro das actuacións que a Consellería de Medio Ambiente está a levar a cabo tanto desde a perspectiva ambiental como de desenvolvemento económico e social, posto que a dotación destes servizos posibilita o asentamento da poboación e a implantación de actividades económicas.

    Dende o executivo rianxeiro valorouse moi positivamente esta obra xa que era unha vella demanda dos veciños desta zona. Así o rexedor local, Pedro Piñeiro agradeceu tamén a colaboración amosada polo departamento autonómico de Manuel Vázquez.