Boiro anuncia a apertura da piscina municipal para o 1 de marzo

BOIRO> As críticas recibidas por parte do Partido Popular a primeiros desta semana, nas que insistían en reabrir a piscina pechada dende hai máis de tres anos, parece que surtiron o efecto desexado.

O executivo anunciou a reapertura inmediata das instalacións para o 1 de marzo. E farano ademais de xeito gratuíto durante os primeiros meses.

Ó parecer a decisión foi tomada unha vez rematadas as obras de acondicionamento levadas a cabo no seu interior.

Dende o Concello aluden a que as instalacións presentan na actualidade un aspecto totalmente renovado, grazas ós investimentos realizados no últimos anos, que cifran en máis de 600 mil euros.

Aínda así, o obxectivo do goberno local pasa por seguir realizando melloras nas instalacións. Así informaron de que xa están adxudicadas e pendentes de iniciar as obras para a dotación dunha nova cuberta no pavillón por importe duns 172 mil euros, para o que non se precisa a paralización das actividades.

Tamén se está na procura do financiamento para a ampliación do complexo deportivo, e a creación dunhas salas multideporte que permitan levar a cabo actividades dirixidas. Unha actuación para a que se precisa un orzamento de preto dos 400 mil euros.

Mentres tanto, o Concello traballa na municipalización da xestión para a ampliación dos servizos que se lle prestan ós veciños.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí