O grupo teatral de Ribeira participará no certame ‘Paco Rabal’ en Murcia

    RIBEIRA > O grupo municipal de teatro de Ribeira está de noraboa posto que a súa montaxe da obra ‘La casa de Bernarda Alba’ foi seleccionada para participar no Certame de Teatro Afeccionado ‘Paco Rabal’ en Águilas (Murcia).

    O director do grupo municipal de teatro de Ribeira, Chiqui Durán, non podía oculta-la súa satisfacción durante a rolda de prensa convocada para anunciar a participación da súa compañía no Certame Nacional de Teatro Afeccionado ‘Paco Rabal’.

    A montaxe de ‘La Casa de Bernarda Alba’ foi elixida xunto a outras tres obras de compañías de Logroño, Huesca e Madrid, entre máis de cincuenta traballos presentados a concurso.

    A representación a cargo do grupo ribeirés terá lugar o día dezaoito de novembro no salón de actos da Casa da Cultura Francisco Rabal na localidade murciana de Águilas. O seu director agarda voltar a casa co primeiro premio, dotado de mil cincocentos euros, aínda que soamente a elección para participar no certame constitúe un recoñecemento á labor realizada polo grupo durante moitos anos. De feito, esta obra requeriu unha gran dedicación por parte dos componentes do grupo que dedicaron preto de dous anos á súa montaxe. Ademais conta coa colaboración da escola municipal de ballet que, coa súa intervención, fan aínda máis atractivo o espectáculo.

    En total, desprazarase a Murcia un grupo de 29 persoas para conseguir que a representación sexa un éxito total. O concelleiro de Cultura, Luciano Fernández, viaxará xunto ós membros do grupo de teatro, ós que quixo felicitar polo enorme éxito coseitado ata o momento.

    Redacción Barbanza