Retiran marisco e unha embarcación a dous furtivos na Pobra

POBRA> Un control por parte do servizo marítimo da Garda Civil permitiu comisar máis de 20 quilos de vieira e máis de 13 de mexillón a dous furtivos na Pobra do Caramiñal.

Durante o operativo os axentes lograron intervir tamén pequenas cantidades de outras especies, así como unha embarcación sen folio equipada cun motor foraborda e un equipo completo de mergullo que incluía unha botella de aire comprimido.

Ademais da correspondente acta de denuncia conforme á Lei de Pesca, os axentes da Garda Civil realizaron outra relativa á normativa de Mariña Mercante, xa que a embarcación carecía de folio e documentación axeitada.

A maioría do marisco capturado aínda con vida, foi devolto ó mar, e o resto, entregado á residencia da terceira idade de Domus Vi en Ribeira.

O resto dos efectos intervidos, incluíndo a embarcación e o equipo de mergullo, foron entregados a Gardacostas da Xunta para o seu depósito e xestión.