VILAGARCÍA > Tras recibi-las desculpas do concelleiro de Cultura, os veciños conseguiron que o alcalde se disculpase publicamente nun pleno. Gago pediu perdón polo dano causado e optou por esquece-lo tema.
Javier Gago desculpouse durante a sesión plenaria de outubro ante os veciños de Bamio tralos enfrontamentos mantidos nos últimos días entre estes e o concello e que desembocaron nunha acusación por acoso e ameazas. O presidente da Asociación de Veciños, Sergio González, asegurou que a relación que o colectivo mantivo coa traballadora municipal foi excelente. Incluso lle deixaron o seu ordenador para rexistra-las altas e baixas da bibiloteca e propuxeron a ampliación do seu contrato, anque todo se torceu cando ela retirou os seu trofeos e a caixa forte da axencia de lectura. O alcalde pediu desculpas se ‘algunha das declaracións feitas polo goberno puideron ter molestado ós veciños’, pero recordoulles que eles tamén ‘son humanos’ e propúxolles esquece-lo tema para zanxar definitivamente a polémica.
Suba da auga e o sanemento
Por outra banda, a Corporación aprobou no pleno a proposta da empresa concesionaria dos servizos de abastecemento de auga e depuración para incrementa-las tarifas o vindeiro ano o IPC. O resto de taxas e impostos non subirán este ano.
O PP queda só
No relativo ás mocións, a máis polémica foi a do PP sobre a posibilidade de renunciar ó cobro do último recibo da auga debido á baixa calidade desta e crear un comité cidadán para as crises. Ningún grupo apoiou a moción á que chegaron a calificar como unha broma e denominaron ó popular oportunista e irresponsable. Finalmente a Corporacion sí aprobou unha moción de Esquerda Unida pedindo a adhesión do pleno á iniciativa de Caldas de pedir que se estude a posibilidade de desmantelar o encoro do Umia anque non aprobaron a segunda parte do escrito no que se pedía a reprobación de Cuiña como máximo responsable da obra.
Redacción Salnés