Pesca negociará o pago polas tarefas de limpeza durante o Prestige

    RIBEIRA > Pesca comprometeuse a negociar o pago ás embarcacións de Ribeira polas tarefas de limpeza realizadas durante a marea negra do Prestige.

    O director Xeral de Pesca, Miguel López Sieiro, adquiriu o compromiso de poñerse en contacto coa Confraría de Ribeira para obter a documentación precisa para realizar as xestións ante Sociedade de Salvamento e Seguranza Maritima dependente do goberno estatal (Sasemar). O obxectivo é que as embarcacións deste porto que traballaron nas labores de limpeza durante o Prestige cobre unha contía en concepto dos servizos prestados que ascende a un total de 25 mil oitocentos euros.

    Segundo explicou o director xeral, Sasemar xa procedeu ó pago das tarefas realizadas no periodo que durou o convenio asinado coa confraría e outras entidades. O conflito prodúcese nos días anteriores cando xa se traballaba na limpeza da ría pero non hai constancia certificada para demostralo, tal e como esixe a sociedade estatal para efectúa-lo pago.

    Dende a Consellería de Pesca aseguran que farán todo o psoble para resolver a situación. Deste xeito, a administración autonómica da resposta a unha iniciativa presentada polo deputado nacionalista, Bieito Lobeira, na que solicitaba o cobro destas axudas. Segundo Lobeira, transcorridos xa hai catro anos, a situación non ten mudado apenas polo que o pago detsas contías ten tamén unha ‘compoñente simbólica e de xustiza’ como recoñecemento ó seu traballo.

    Redacción Barbanza