PSOE e Marea de Noia recorren a aprobación do orzamento

NOIA> O PSOE e a Marea de Noia recorren conxuntamente a aprobación do orzamento municipal. Basean o recurso en que o presuposto incumpre a legalidade ó non ter consignados gastos comprometidos polo concello como o pago das cotas da Mancomunidade Serra do Barbanza.

O PSOE de Noia e a Marea Cidadá de Noia promoven conxuntamente un recurso contencioso administrativo contra a aprobación definitiva do orzamento municipal que saía adiante o mes pasado tras someterse o alcalde a unha cuestión de confianza.

Alegan que o documento incumpre a lei en varios preceptos destacando que non aparecen consignados compromisos de gastos adquiridos en pleno como é o caso do pago das cotas da Mancomunidade Serra do Barbanza.

Decidiron recorrer á vía xudicial para evitar que sigan a producirse irregularidades na xestión económica do concello que poñerían en risco a solvencia e viabilidade das arcas municipais.

Xunto co recurso, as dúas formacións políticas solicitan tamén a adopción de medidas cautelares para paralizar o orzamento mentres dure o procedemento xudicial.