RIBEIRA> O concello de Ribeira endurece as restricións para moderar o consumo de auga. Ademais da recomendacións xa publicadas a principios de mes sobre a limitación de regos e baldeos, o executivo anuncia roldas da Policía Local para controlar que se está a facer un uso responsable da auga potable da rede municipal.
Xa a principios de mes, o concello de Ribeira cortaba a auga das duchas das praias e limitaba o regadío de zonas verdes co fin de garantir o subministro condicionado pola alto consumo que se rexistra durante o verán e a escaseza de chuvias. Estas medidas ían acompañadas dunha serie de recomendacións para a cidadanía de cara a facer un uso responsable da auga da rede como regar os xardíns nas horas de menor evaporación e durante o tempo imprescindible ou evitar o recheo de piscinas ou lavado de vehículos.
Aínda que son moitos os cidadáns que están a seguir estes consellos, o concello detectou tamén unha serie de incumprimentos especialmente nalgunhas praias nas que a xente accede ás billas para volver a ter auga nas duchas.
Ademais de reiterar a necesidade de cooperación, o concello incrementará os controis con roldas da policía local para vixiar que se cumpran as medidas.
Tamén informan ás empresas da necesidade de consumir expresamente a cantidade necesaria de auga para non parar a actividade. Con estas medidas, o executivo busca garantir o subministro de auga en toda a rede municipal para evitar que se produzan futuros cortes posto que na actualidade as reservas están baixo mínimos.











