Boiro destina a maior parte do POS a mellorar a seguridade viaria

BOIRO> O pleno de Boiro aprobou os proxectos a incluír no Plan de Obras e Servizos da Deputación. A maior parte deles teñen por obxectivo a mellora da seguridade viaria coa dotación de beirarrúas para o tránsito peonil.

Son cinco os proxectos que se financiarán con cargo ó POS da Deputación da Coruña en Boiro. Boa parte deles están encamiñados á mellora de seguridade viaria en todo municipio como son a execución de beirarrúas entre a rotonda de Triñáns e Seán ou a pavimentación do vial entre a Curbera e o bar Mavi. Daráselle tamén continuidade á execución de beirarrúas na zona de Goiáns.

Acometerase tamén a urbanización da rúa Tenencia, no casco urbano, e na rúa Pesqueira, en Cabo de Cruz. Outra das actuacións consistirá na mellora do hangar do club de piragüismo instalada ó lado do edificio das colonias en Praia Xardín.

No Plan complementario inclúese a segunda fase das beirarrúas entre Cespón e Abanqueiro. Cómpre lembrar que xa saíu á licitación a primeira fase deste proxecto no treito dende Cespón a Quinteiro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí