![]()
SANXENXO > O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, sacou adiante a polémica Axenda 2015 no pleno celebrado en Miraflores. Fíxoo cos votos a favor do seu equipo e en contra dos socialistas e dun dos edís nacionalistas. Os outros catro edís do BNG decidiron abandonar a sesión plenaria cando se ía debater este punto tras solicitar a súa retirada da orde do día e que se votara e que non se fixera.
O que ven na imaxe é o momento no que catro dos cinco edís nacionalistas abandonaban o pleno de Sanxenxo logo de que non fora tida en consideración a súa petición de retirar da orde do día o polémico punto da Axenda 2015. Así amosaban os nacionalistas a súa disconformidade cun plan que ó seu xuízo compromete as inversións do concello nun momento no que o alcalde está a piques de marchar de Sanxenxo.
A Axenda 2015 para a voceira socialista entra en contradiccións permanentemente e presenta unhas contas que, a anos vista da súa execución completa presenta numerosos interrogantes sobre os custes reais das obras. O alcalde, pola súa banda considera que se trata dun asunto de vital importancia. Cos seus propios votos os populares tiveron suficiente para sacar adiante este plan que supón unha inversión total duns 180 millóns de euros repartidos en 55 actuacións das que se están a executar xa 22 por un valor de 81 millóns.
Vial e saneamento
O PP foi autosuficiente para aprobar tamén os outros dous puntos do día debatidos antes de que abandonaran os nacionalistas. A desafectación do camiño de dominio público entre a Rúa Vigo e o novo vial contou coa abstención dos socialistas e o voto en contra do BNG. Outro dos temas debatidos foi o do plan director de abastecemento e saneamento. A pesar dos votos contrarios de PSOE e BNG o plan director de saneamento saiu adiante.
Críticas ó abandono do BNG
O abandono do pleno do BNG non foi ben visto polo Partido Popular, que criticou a actitude dos nacionalistas. De feito non foron os cinco concelleiros os que abandonaron a sesión. Un deles, Xosé Lois González, mantívose ata o final da sesión e exerceu o seu dereito ó voto (en contra, iso sí) do punto que trataba sobre a Axenda 2015. Tampouco a socialista Dulcinea Aguín se amosou conforme coa actitude dos membros do BNG.
Redacción Salnés








