Alonso nega que a débeda deixada polo seu goberno ascendera a once millóns

    xesusalonso_100_031106.jpgBOIRO > O PP de Boiro saíu ó paso das críticas realizadas dende o executivo municipal … 

    … nas que acusaban ó seu goberno de deixar unha débeda no concello de máis de once millóns de euros. Os populares califican estas acusacións de ‘calumnias sen fundamento’ posto que, no momento do traspaso de poderes, o capital vivo era de sete millons setecentos mil euros, o que supón un endebedamento do 92’59 por cento.

    O ex-alcalde popular, Jesús Alonso, nega que a débeda contraída polo seu goberno ascendera a once millóns e medio de euros, tal e como afirmaron os responsables municipais. Co fin de amosar a ‘falsedade’ destas acusacións, o ex-rexedor presentou a memoria económica financieira do presuposto de 2004, na que o importe da débeda ascendía a sete millóns douscentos setenta e dous mil euros.

    Para os populares, o incremento da débeda é responsabilidade do actual goberno que, ó seu parecer, debería explicar en que investiu eses cartos así como os máis de dezaoito millóns de euros dos presupostos de 2006.

    Jesús Alonso considera que as acusacións do goberno corresponden a unha campaña de descrédito emprendida contra varios membros do Partido Popular que ten por único obxectivo poñer en entredito a súa reputación.

    A pesar das acusacións realizadas polo actual goberno, os populares están moi satisfeitos da xestión levada a cabo durante os oito anos que estiveron ó fronte do concello de Boiro. Neste sentido, Manuel López Outeiral lembrou que durante o goberno popular lévaronse a cabo importantes obras públicas no municipio, mentres que o goberno do tripartito non realizou ningunha actuación de interese para o pobo de Boiro.

    Redacción Barbanza