MEIS> Unha muller falecida e dous feridos de gravidade nun accidente rexistrado esta mañá na autovía do Salnés, á altura do concello de Meis. Todo apunta a que o sinistro foi provocado por un turismo que circulaba en dirección contraria. A colisión foi frontal entre dous vehículos, moi preto da saída do Mosteiro, nos carrís en sentido Pontevedra.
Unha falecida e dous feridos de gravidade é o balance que deixa o aparatoso accidente rexistrado esta mañá na Autovía do Salnés, á altura do concello de Meis. Eran as 10 e 20 cando un condutor que circulaba en sentido contrario colidía frontalmente contra outro vehículo, moi preto da saída do Mosteiro, nos carrís en dirección Pontevedra.
Como resultado do forte impacto, os dous ocupantes dun dos vehículos, un home de 46 anos e a súa nai de 71, quedaron atrapados no interior do coche, polo que foi necesaria a intervención dos bombeiros de Ribadumia e Vilagarcía para proceder coa súa excarceración. Tamén resultou ferido de gravidade o ocupante do outro vehículo, un home de 51 anos, que conseguiu saír do coche polo seu propio pé.
Aínda que inicialmente o 061 mobilizou un helicóptero, a néboa impediu a súa intervención. E os tres feridos foron trasladados ata o Hospital Montecelo. Finalmente, a muller faleceu xa no centro hospitalario. Os dous homes permanecen ingresados na Unidade de Coidados Intensivos.
O operativo despregado provocou importantes retencións na Autovía do Salnés.
A Garda Civil de Tráfico xa iniciou unha investigación para aclarar o ocorrido. No operativo tamén interveu a Axencia Galega de Infraestruturas e Protección Civil de Meis.











