A Consellería de Cultura avaliará os danos dos incendios no patrimonio

    incendio_100_081106.jpgAROUSA > Persoal técnico de arqueoloxía de 17 empresas especializadas está a traballar nos montes..

    .. para avaliar os posibles danos no patrimonio causados pola vaga de lumes do verán.

    A Consellaría de Cultura e Deporte desenvolve esta campaña para ter un coñecemento exhaustivo das zonas afectadas. A Consellaría de Cultura adicará preto de 170.000 euros para avaliación dos posibles danos causados no patrimonio por mor dos incendios.

    O obxectivo é catalogar os bens situados nas zonas queimadas e os seus danos. Trátase principalmente de restos arqueolóxicos como xacementos de arte rupestre. Con este traballo, a Consellaría tamén espera mellorar o catálogo de bens do patrimonio e non descarta que poidan aparecer elementos ata agora descoñecidos ou cubertos pola maleza.

    En total estudaranse 63 concellos de toda Galicia, 34 en Pontevedra e 21 na Coruña. Entre eles Boiro, Padrón, Pobra, Rianxo, Ribeira e Rois. Na comarca do Salnés estarán en Meis, un dos concellos máis afectados polos incendios, Meaño, Sanxenxo, Vilagarcía e Vilanova. En Pontevedra analizarán a situación en Barro, Poio e Campo Lameiro e en Caldas, ademais deste concello, estudarán os danos en Catoira, Pontecesures e Valga.

    A partir dos datos obtidos a Consellería intervirá nos posibles bens danados ademais de traballar tamén xunto con Medio Rural na recuperación dos montes para que labouras como talas ou cortalumes se fagan de forma respectuosa co patrimonio.

    Redacción Salnés