Os baixos comerciais sen actividade pagarán a taxa da recollida do lixo

    ordenanzasfiscaisboiro_100_081106.jpgBOIRO > O executivo boirés presentou o expediente de modificación de ordenanzas ficais.

    Ademais da suba equivalente ó IPC interanual galego, aprobarase unha nova taxa da recollida do lixo para os baixos comerciais sen actividade. Así memo, fixarase unha nova tarifa para a práctica de análises ós vertidos residuais das empresas e regularase a fianza por reposición do pavimento nas obras de conexión á rede de sumidoiros.

    Segundo explicou a Concelleira de Economía e Facenda, o obxectivo destas modificacións é adaptar as ordenanzas fiscais á realidade socioeconómica do concello e mellora-la xestión de servizos municipais establecendo criterios de igualdade entre os tódolos contribuíntes ó mesmo tempo que se manten o nivel de ingresos municipais ante os efectos da inflación anual. Tódalas taxas experimentarán un incremento do 3’7 por cento equivalente á suba do IPC interanual galego.

    A principal novidade será a aprobación dunha nova tarifa de recollida de lixo para os baixos comerciais sen actividade que estean en condicións de ser utilizados. Estes establecementos, ó igual que as vivendas unifamiliares, terán que aboar a taxa mínima fixada en 17’76 euros por trimestre.

    No servizo da rede de sumidoiros tamén haberá novidades como o establecemento de novas tarifas para a realización de análises dos vertidos residuais de certas empresas. Na actualidade, existen industrias que están a verte-los seus residuos á rede municipal sen realiza-las inspeccións previas que descarten elementos contaminantes. O concello é o encargado de realizar esas análises e a empresa terá que aboa-la taxa fixada en 155’55 euros máis IVE. 

    Tamén se procederá á regulación da fianza por reposición do pavimento no caso das obras de conexión á rede de sumidoiros para ragantir que os veciños que acometan a obra deixen a estrada e as beirarrúas no seu estado orixinal.

    O alcalde de Boiro, Xosé Deira, apela á transparencia dentro do seu goberno; de aí a necesidade de dar a coñecer as modifciacións introducidas nas ordenanzas fiscais que teñen por obxectivo distribuí-los custos dos servizos equitativamente entre tódolos veciños. Neste sentido, insistiu na necesidade do bo uso e da boa xestión dos recursos e dos servizos posto que moitos deles aínda son deficitarios.

    Redacción Barbanza