UUAA anuncia mobilizacións no sector avícola contra a baixada de prezos

    VILAGARCÍA > Os avicultores do Salnés acumulan perdas de 700.000 euros pola caída de prezos, segundo advirte UUAA. O sindicato reclama unha vez máis a Lei de Contratación e acusa ás administracións estatal e autonómica de arrimarse á industria.

    granxapolos_300_081106.jpgOs productores de polo da comarca do Salnés deixaron de ingresar máis de 700 mil euros pola caída de prezos. Así o indicou hoxe Unións Agrarias, que engadiu que isto supuxo unha baixada de renda media por productor de cinco mil euros. Unha situación que cualifican de crise, tendo en conta que unha explotación de 20 mil polo precisa un investimento de 180 mil euros.

    Unións Agrarias considera moi positivas as axudas que recibiu o sector avícola pola crise da gripe aviaria, que no Salnés sumaron un total de 240 mil euros. Pero di que agora o mercado está restablecido, o que non se traduce en ganancias. Segundo denuncian, o prezo medio do polo pasou dos 30 céntimos que pagaba a industria en 2005 ós 24 céntimos que impón este ano, é dicir unha caída de case un 25 por cento. Unha baixada, que o consumidor non ve. ‘a única causa é a avaricia do sector industrial que dá outra volta de tuerca ós productores’, indicou Javier López, responsable de UUAA.

    Para Unións Agrarias, isto pasa porque non hai unha Lei de Contratos de Integración, un marco xurídico que vén reclamando este sindicato desde o ano 1997. Javier López lembrou que este ano nunhas xornadas organizadas polo Ministerio de Agricultura se acordou consensuar un texto para a Lei de Contratación. Un compromiso similar adoptouno o Conselleiro de Medio Rural pero a nivel autonómico. Ningunha das dúas iniciativas se veu reflectida aínda na realidade.

    O sector di sentirse enganado por unhas administracións que ve máis preto da industria. ‘Esperemos que o Ministerio de Agricultura empece a mover ficha e que o Conselleiro de Medio Rural deixe de pastelear co sector industrial’, sinalou Javier López, quen engadiu que se non hai unha resposta das administracións antes de final de ano, Unións Agrarias está disposta a mobilizar ó sector avícola.

    Redacción Salnés