ANFACO mostra a súa preocupación polos depósitos de contedores na Pobra e Ribeira

POBRA> ANFACO-CECOPESCA mostra a súa preocupación polos prexuízos que pode ocasionar para o sector conserveiro a concesión da instalación de zonas de depósito de contedores nos portos da Pobra e Ribeira. A patronal nacional que integra ás empresas fabricantes de conservas agarda que a Xunta tome unha decisión que permita manter a actividade e o emprego deste sector nestes dous peiraos.

As instalacións de Consignaciones Puebla acollían esta mañá unha xuntanza na que tomaron parte representantes das industrias conserveiras máis importantes da zona do Barbanza asociadas a ANFACO-CECOPESCA. Na mesma expúxose a problemática que podería traer para o sector a instalación por parte de Portos de Galicia dun espazo para depósito de contedores no espazo portuario dos peiraos comerciais da Pobra e Ribeira. Consideran que a concesión impediría a actividade propia de descarga de túnidos a granel competitivamente na que a comarca ten un peso destacado. Sen esta actividade, esta podería replantearse a súa situación, ó verse afectada a súa capacidade operativa de abastecemento de materia prima de atún nos ditos portos.