Louzán e Tourís inauguran a nova depuradora do Facho, en Cambados

    inauguracionofacho_100_091106.jpgCAMBADOS > A posta en marcha desta depuradora supuxo un custe de 160.000 euros e dará servizo a 500 veciños.

    O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o alcalde de Cambados, José Manuel Cores Tourís, inauguraron a depuradora de augas residuais do Facho, en Castrelo.

    Esta estación dará servizo a 500 veciños da zona, nun lugar protexido, xa que se atopa en fronte da Illa da Toxa. A posta en marcha da depuradora custou 160.000 euros financiados grazas ó proxecto Deputrans, que pretende frear a degradación medioambiental na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a través do tratamento das augas residuais domésticas de pequenos núcleos das provincias de Ourense, Pontevedra e norte de Portugal que verten ás concas fluviais do río Miño. O orzamento global para levar a cabo esta iniciativa é de 8.149.000 euros. Na provincia de Pontevedra investiranse 5.466.667 millóns de euros.

    Última tecnoloxía

    A empresa ‘Soluciones Medioambientales y Aguas, S.A.’ é a encargada de subministrar as depuradoras. Tal e como explicou o conselleiro delegado da mesma, Marcelino Otero López, as plantas contan cunha tecnoloxía moi avanzada.

    Están baseadas nun tratamento biolóxico que non necesita a incorporación de aditivos e cloros posto que son as bacterias naturais as encargadas de actuar sobre os residuos orgánicos de forma natural. As depuradoras son prefabricadas e compactas, non producen lodos nin cheiros, o seu mantemento non supera os 200 euros ó mes e son controladas por ordenador.

    Funcionamento

    O traballo da depuradora comeza cunha trituradora que funciona case permanentemente. O líquido resultante pasa a unha cámara na que se inxecta osíxeno para que as bacterias poidan actuar. Este produto pasa a unha segunda cámara onde se produce a decantación para, posteriormente, pasar á outra cámara a través dun reactor biolóxico que deposita a auga biodegradada e filtrada nun terceiro depósito onde se produce a desinfectación. Finalmente a auga volve ó cauce.

    Redacción Salnés