Núñez Feijóo e Martín asinan a humanización da rúa Progreso

SANXENXO> Sanxenxo e Xunta asinan por todo o alto o convenio para o arranxo da rúa Progreso. Rodeado de gran expectativa e co son das protestas dos funcionarios de xustiza como fondo, Alberto Núñez Feijóo e Telmo Martín asinaron este compromiso para, explicaron, humanizar a rúa e convertela nun bulevar. As obras teñen un orzamento de máis de 2 millóns e medio de euros, e o concello agarda rematalas antes do verán de 2019.

Facer da rúa Progreso unha rúa de Progreso. Con estas palabras resumiu o presidente da Xunta o obxectivo da actuación que porán en marcha nunha das principais vías de Sanxenxo. Esta tarde asinaron o convenio co concello en medio de gran expectación.

Tras percorrer un treito da rúa a arranxar, Alberto Núñez Feijóo e Telmo Martín asinaron o convenio nun salón de plenos ateigado. O obxectivo da actuación na rúa Progreso é, segundo explicaron, humanizala por completo para mellorar a calidade de vida de veciños e visitantes.

O concello encargarase de licitar as obras, un proceso que agardan estea rematado en xuño. O inicio non será ata o outono, e os traballos contan un prazo de execución de 15 meses, aínda que a intención do goberno local é reducilo para ter acabada a intervención para o verán de 2019. Ademais, destinaranse máis de 2 millóns e medio de euros.

 

Segundo o acordado, a Xunta achegará o 70% dos cartos. O 30% restante sairá das arcas municipais.

A sinatura do convenio tivo como son de fondo as protestas dos funcionarios de xustiza, que se achegaron ata as portas do concello de Sanxenxo para reclamar un cambio de postura da Xunta de Galicia que permita pór fin á folga na que levan dende o mes de febreiro.