O Exército desinfecta o ambulatorio de Vilagarcía por coronavirus

VILAGARCÍA> Este mediodía, unha unidade da Brilat cortaba a Avda. das Carolinas para proceder á limpeza e desinfección do centro de saúde de San Roque, en Vilagarcía.

Dende o concello explican que se trata dunha actuación dirixida a garantir a salubridade dun edificio ao que acoden persoas enfermas. O goberno local fai tamén un chamamento á tranquilidade, insistindo en que a medida é “absolutamente normal e máis nun caso como o actual”.

Así, dende Ravella sáese ao paso das informacións aínda sen confirmar de xeito oficial que apuntaban a que dous enfermos, un administrativo e catro médicos poderían ter dado positivo por coronavirus.

A tarefa que está a desenvolver estes días o Exército súmase ao dos sanitarios, transportistas, comerciantes e outros membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que seguen a traballar en primeira liña da loita contra a expansión do virus.

Medran os casos na área sanitaria

Un novo caso si confirmado no Salnés é o dun veciño da Illa de Arousa, de 64 anos, que ingresou en Montecelo. Seu irmán, súa muller e a cuñada permanecen illados nos seus domicilios. As mulleres non presentan síntomas, mentres que o home tiña unhas décimas de febre.

Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés xa se rexistran 59 positivos, once máis que onte. Segundo o Servizo Galego de Saúde, ningún deles está ingresado na UCI: once estarían en planta (dez en Montecelo e un no Hospital do Salnés). Outras 48 persoas están nos seus domicilios.

Imaxes cedidas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí