![]()
CAMBADOS > O deputado nacionalista Francisco Rodríguez estivo en Cambados para presenta-lo líbro que protagoniza.
Organizada polas librarías cambadesas ‘Castelao’, ‘Contos’ e ‘Cabanillas’, a presentación do libro ‘A nación galega existe: conversas con Francisco Rodríguez’ tivo lugar no centro comarcal do Salnés.
Alí estiveron, ademais do protagonista e o autor, moitas caras coñecidas do nacionalismo arousán, como Adela Leiro que exerceu de presentadora contando a súa experiencia persoal con Francisco Rodríguez. Asegurou que a imaxe pública que tiña do deputado era aterradora e o día que o coñeceu deuse conta do errada que estaba.
Tamén o autor do libro destacou esta imaxe do deputado no Congreso que é extrapolable, dixo, a de tódolos políticos nacionalistas e mesmo á de todo o pobo galego. Segundo Mexuto, historicamente se nos quixo atribuír ós galegos certo carácter psicótico. Así ocorreu con Rosalía de Castro e incluso esta característica lle serviu a políticos estatais para explica-la vaga de lumes en Galicia deste verán. O libro pretende rematar con esta ‘costra’ e descubri-lo ‘rostro real’ de Galicia e dos galegos.
Contido
O libro ten unha parte autobiográfica sobre a infancia e a mocidade do político que dende moi novo tomou conciencia do carácter nacional de Galicia e xa a finais dos sesenta, coa fundación da UPG entrou no ‘combate directo contra a dictadura’.
A segunda parte é un ensaio onde se analizan temas do nacionalismo clásico, con apartados para Rosalía ou a situación da lingua. Deste xeito percórrense os 40 anos do nacionalismo contemporáneo ata chegar á actualidade, cando por fin se consegue estar presente no goberno e mesmo plantexar determinados contidos no debate estatutario.
Redacción Salnés









