O BNG da Illa insiste en que o urbanismo local se fai a base de ‘pelotazos’

    carlosoterobngilla_100_101106.jpgA ILLA > O voceiro do BNG da Illa, Carlos Otero, ven de denunciar novamente a política urbanística do goberno local.

    Segundo o BNG da Illa de Arousa, as actuacións que propón o alcalde, como a recalificación das áreas 59 e 60 que foron ó último pleno, só poden ser consideradas ‘pelotazos urbanísticos’, posto que só sirven para o enriquecemento das grandes promotoras.

    Os nacionalistas consideran que o fracaso das áreas de reparto programadas no plan xeral son a excusa perfecta para recalificar tódolos terreos e encher a Illa de pisos baleiros. O voceiro nacionalista asegura que esta política do PSOE xéralle a determinadas empresas unha gran cantidade de cartos en comisións, e recorda que o propio concello pagou 12 mil euros por un expediente sobre as dúas áreas de reparto que foron ó último pleno, mentres Sercoysa, a empresa propietaria de tódolos terreos saca todo o beneficio e mesmo pon as súas condicións para construír alí.

    Mentres tanto os veciños da Illa que posuían esas fincas tiveron que vendelas ante a imposibilidade de desenvolvelas por eles mesmos, e agora ven como se recalifican e se permite cambiar totalmente o tipo de vivenda a construír alí. Os edís do BNG xustifican así o seu voto en contra deste ‘pelotazo urbanístico’.

    Redacción Salnés