CAMBADOS> Achegar a música tradicional galega á rapazada. Ese é o obxectivo dun proxecto que teñen en marcha no IES Ramón Cabanillas de Cambados. Hoxe, por exemplo, recibiron no centro a Mondra, un dos grandes artistas do panorama musical galego nestes momentos, que tamén conquista aos máis novos coa súa fisión do tradicional coa electrónica. A rapazada do instituto foi a encargada de entrevistalo.
De todo un pouco, pero sobre todo da súa carreira musical na que a tradición se fusiona coa electrónica falou hoxe Mondra en Cambados.
Aos seus 24 anos, o cantareiro e bailador é un dos grandes fenómenos musicais do momento en Galicia. Esta mañá foi entrevistado polo alumnado do IES Ramón Cabanillas. Foi no marco do proxecto ‘De mar e terra’, que busca achegar á mocidade o valor da transmisión oral.
E a entrevista saíulles ben. Preguntáronlle polos seus inicios, por como levaba as críticas e os recoñecementos ou como xestiona as súas redes sociais.
Mondra amosouse como un bo entrevistado, respondendo con todo detalle todo o que lle preguntaba. Aproveitou para falarlles do rico patrimonio inmaterial que temos en Galicia, coa súa visión contemporánea da música herdada da tradición oral, que agora mestura coa electrónica.
Logo da entrevista, Mondra ofreceu á rapazada un obradoiro no que ensinou a esencia do seu traballo. Falaron das foliadas, dos instruementos que se tocaban ou de como as letras ían viaxando no tempo xeración tras xeración.
O artista celebra o bo momento que vive a nosa música, algo que se palpa, explícanos, nos seus concertos, onde conviven públicos do máis diverso, incluíndo tamén a rapazada.
A visita de Mondra ao Ramón Cabanillas enmárcase nun proxecto co que o centro quere achegar á rapazada a nosa música.
A iniciativa inclúe tamén unha entrevista ao rapeiro e regueifeiro Pinto de Herbón. Conversas que está a gravar o equipo de audiovisuais do centro, que xa se encargou de elaborar tamén varios documentais sobra algunhas das celebracións que rexían a vida dos nosos devanceiros e a súa relación co calendario agrícola que marcaba o día a día. Así, xa elaboraron unha peza sobre a vendima e estes días están tamén a traballar noutra sobre o Samaín celta e a tradición do Día de Defuntos.











