Rematan as escavacións en Cálago co achado dunha tumba e máis ósos humano

VILANOVA> Os novos achados dan máis pistas sobre a historia do xacemento de Cálago, en Vilanova de Arousa. O equipo de arqueólogos rematou hoxe a quinta e última xornada de traballo cun balance moi positivo. Despiden esta nova actuación coa localización de máis ósos e dunha tumba que poderían dar pistas sobre a ubicación do desaparecido mosteiro. Fixeron estes achados na zona sur do castro, na que ata o de agora non había evidencias arqueolóxicas.

O equipo de arqueólogos que esta semana traballou no xacemento de Cálago despide esta intervención cun balance máis que positivo. As actuacións centráronse no sector sur do castro, no que non se tiñan rexistrado evidencias arqueolóxicas. Ata o de agora.

Nesta zona foi onde un veciño asegurou que localizou ósos hai xa varios anos. Tras escavar na área, os arqueólogos atoparon unha tumba con máis restos óseos humanos que poderían datar dunha época tardorromana-altomedieval.

Isto dá novas pistas ao equipo de expertos sobre a posible ubicación do ansiado mosteiro de Cálago. Unha edificación da época altomedieval do que non se atoparon restos.

Os novos achados non fan máis que avivar as esperanzas que nestas escavacións ten o concello de Vilanova. Máis aínda pola proximidade do Ano Xacobeo no 2021.

Estes descubrimentos son os primeiros que evidencian que esta zona foi empregada na época tardorromana-altomedieval. Os traballos desvelaron tamén restos da época castrexa, con varias estruturas como un muro e un pavimento de xabre que poderían estar relacionados cunha zona de explotación de recursos mariños pola proximidade á ría. Os achados apuntan a que este espazo foi abandonado en época romana e empregado como vertedoiro. Localizáronse restos de moluscos, espiñas e ósos que serán analizados polo equipo do profesor Carlos Fernández, especialista en malacofauna da Universidade de León.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí