Cores Tourís: ‘Tabuyo é un vago político’

    corestouris_100_131106.jpgCAMBADOS > O alcalde acusa ó deputado Domingo Tabuyo de ser pouco cambadés e non facer nada polo concello.

    En Cambados parece que a precampaña das municipais xa comeza forte. Alomenos iso é o que pensa o alcalde José Manuel Cores Tourís cando se refire ás declaracións feitas polo deputado socialista no Congreso Domingo Tabuyo. O rexedor cambadés respondeulle enumerando as diferentes xestións desenvolvidas por el nos temas da fábrica de Peña e do Pazo de Torrado.

    José Manuel Cores Tourís pídelle a Domingo Tabuyo que siga xogando limpo e que non se deixe levar pola presión que implica a presentación da súa candidatura. O alcalde de Cambados criticou así as declaracións feitas a pasada semana polo deputado socialista no Congreso. Tourís di que Tabuyo minte e que nos 16 anos que leva en política, primeiro como edil no concello e nos últimos dous anos e medio como deputado en Madrid, non fixo nada por Cambados. Tourís considera que Tabuyo está nervioso por ser novamente candidato e que por iso lanzou esta precampaña algo forte. O rexedor popular cre que serán PSOE e BNG quen acabarán o seu ciclo nestes comicios municipais.

    Para argumentar estas acusacións, Tourís presentou unha serie de expedientes relativos á rehabilitación da nave de Peña e a regularización de lindes para a permuta de terreos co parador. O alcalde sinalou que realizou unha ducia de xestións en Madrid para sacar ambos proxectos, mentres que Tabuyo nin sequera quixo ir a esas reunións. Tourís también considera que Tabuyo está anunciando fume cando fala de inversións nos xulgados e no novo cuartel da Garda Civil.

    Redacción Salnés